A autora do libro


LORENA LÓPEZ COBAS



(Lalín, Pontevedra, 1979). Titulada Superior de Frauta Traveseira, licenciada en Historia da Arte e licenciada en Historia e Ciencias da Música, obtendo o Premio Extraordinario Fin de Carreira en ámbalas dúas licenciaturas. No 2005 obtivo o Primeiro Premio Nacional nos estudos de Historia e Ciencias da Música, concedido polo Ministerio de Educación e Ciencia. Obtivo o Diploma de Estudos Avanzados de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela coa presentación dun traballo histórico e musical sobre o mosteiro de San Paio de Antealtares (Santiago) e o Diploma de Estudos Avanzados en Historia e Ciencias da Música na Universidade de Valladolid coa presentación dun estudo sobre o comerciante musical coruñés Canuto Berea Rodríguez (1836-1891), personaxe sobre o que versou a súa tesiña de licenciatura e a súa tese de doutoramento, lida na Universidade de Valladolid no ano 2017 (sobresaliente "cum laude"). No 2018 obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento na Universidade de Valladolid por dita tese. 

Realizou ampliación de estudos a través da asistencia e participación en congresos nacionais e internacionais e por medio de estancias en diversas universidades, coma a Universidade de Cambridge (Reino Unido).  

Entre 2002 e 2005 foi secretaria do curso de música Camino de Santiago: Cánticos, cantigas y cantos, dirixido por M. Pilar Alén e organizado pola Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia. Entre o 2003 e o 2004 colaborou na organización do Festival Internacional de Música Antiga de Santiago de Compostela, colaborou coa Universidade de Valladolid na organización do congreso “Joaquín Rodrigo y la creación musical en los años cuarenta” e do curso La música en los tiempos de Isabel la Católica: Teoría y Praxis”. Ademais dirixiu o Curso Internacional de Frauta e Frautín Luís Areán, patrocinado polo Patronato Cultural de Lalín, e colaborou na organización do Ciclo de Conferencias Abertas de Historia da Arte do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. Entre o 2008 e o 2011 coordinou o taller de musicoterapia do Curso Internacional de Música e Musicoterapia, realizado en Mondoñedo (Lugo) pola asociación AIMPNE (Asociación Interdisciplinar Musicosensorial para Persoas con Necesidades Especiais).  Asemade, desde o 2011 ata a actualidade coordina a publicación da revista do Conservatorio de Música de Ourense (En Solfado, con depósito legal OU 93-2011).

Desde o 2007 é profesora titular da especialidade de Historia da Música na rede autonómica de conservatorios dependentes da Xunta de Galicia, con destino definitivo no CMUS de Ourense. O seu labor como docente convive coa súa faceta de intérprete musical -colaborando con diversas agrupacións, coma a Banda de Lalín desde 1994-  e coa súa produción científica, publicando artigos que se centran no estudo da música decimonónica galega en revistas e libros especializados. No 2013 pubicouse o seu libro Historia da Música en Galicia, onde efectúa un repaso pola historia galega desde unha perspectiva musical que abrangue desde a Prehistoria ata hoxe. 

Se queres saber máis fai click aquí: Curriculum vitae completo


Ningún comentario:

Publicar un comentario