Presentación do blog


Este blog constitúe unha porta aberta para manter vivo o volume de Historia da Música en Galicia editado por Ouvirmos na primavera de 2013 baixo a autoría de Lorena López Cobas. Este volume impreso contén unha panorámica xeral da historia da música en Galicia a través de seis capítulos, que amosan unha revisión teórica da música feita “en e para” Galicia desde os albores da historia até os nosos días. O obxectivo da obra non é outro que o de ofrecer unha reconstrución histórica global -con vocación obxectiva, didáctica e esquemática- da cultura musical galega, especialmente de cuño culto, adscrita ao noroeste peninsular. O resultado final é un libro que adoita unha perspectiva pedagóxica por medio dun enfoque o máis completo e claro posible, con resumos, esquemas, glosarios e soporte visual e auditivo (contén dous CD). Aspira en esencia a esbozar nun único texto os principais trazos que dalgún xeito marcaron -e marcan- a historia musical de todos os tempos neste país e que poidan interesar aos que gozan de se achegar á nosa música de xeito afeccionado ou profesional.
Como o proxecto é moi amplo, resulta moi difícil pechar a súa elaboración, polo que con este blog procuramos mantelo vivo na rede, envorcando datos actualizados sobre a bibliografía, webgrafía, discografía selecta e catálogos partituras da música en Galicia, que esperemos sexa de utilidade aos usuarios. Tamén incluímos neste blog unha guía comentada das audicións que forman parte dos dous CD que se insiren no volume escrito, co afán de guiar e aportar máis información a todos aqueles que estean interesados. Do mesmo xeito, no noso Inicio procuraremos ir colgando as novas máis salientables para aqueles que estean interesados na música "académica" en Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario