sábado, 7 de xuño de 2014

Novo libro sobre a Banda de Música de Merza de Nuria Barros



Esta obra de Nuria Barros Presas é un libro completo, científico e ao mesmo tempo mimado, que logra plasmar por escrito a traxectoria da banda de música de Merza, que quedará aí para os anais da historia, cubrindo un baleiro que moitos demandabamos desde hai tempo. Este volume constituirá, pois, non só un punto de referencia para os habitantes de Merza, para quen a banda foi e segue a ser un estandarte de orgullo autóctono desde o século XIX, senón tamén para todos aqueles que se queiran inserir no que o mundo das bandas aporta á nosa historia. 
Cunha redacción clara, orgánica e de fácil lectura a autora, Nuria Barros, consegue internar ao lector na historia desta banda, dándolle case que un toque de relato, que nos ofrece unha viaxe desde as raíces decimonónicas das “músicas” de Merza ata os diversos momentos de esplendor ao longo do século XX e mesmo nos albores do XXI, chegando a se converter nunha das bandas de obrigada mención en Galicia, ineludibles ao facer un listado das grandes agrupacións do pasado, do presente e, sen dúbida, do futuro.

Esta obra é o resultado dun estudo sistemático, rigoroso e eficaz, no que se procura esmiuzar o discorrer histórico desta agrupación musical que, máis aló da música, serviu -e serve- de acicate para unha auténtica dinamización cultural non só na zona de Merza e na comarca do Deza, senón tamén no resto do noroeste peninsular. Para iso recórrese a unha formulación cronolóxica, na que se combina unha metodoloxía netamente histórica cunha aproximación de orde máis etnolóxica, especialmente no que atinxe ás últimas etapas da banda, para afondar na realidade musical de Merza dun xeito amplo e heteroxéneo. Isto débese a que Merza é un pobo con non máis de cincocentos habitantes e cunha orografía curiosa, polo que ás súas contribucións musicais hai que engadir as peculiaridades sociolóxicas e etnográficas, que fan da súa banda un exemplo de patrimonio inmaterial moi especial. Por iso, internarse no mundo histórico e sociolóxico desta banda de música pode axudar a comprender, entender e valorar o papel que unha agrupación musical deste tipo pode chegar a ter nun medio rural como o que se configura na rexión de Merza, e mesmo contribuír a percibir o peso que adquiriu o fenómeno bandístico en toda a comarca do Deza. A importancia histórica e social da banda de Merza era vox populi, formando parte desas realidades intanxibles que se sabe que existen, pero a partir de agora poderémonos achegar a ela dun xeito máis próximo e concreto a través desta coidada lectura, que de seguro logrará emocionar aos amantes das nosas bandas.

Para máis información: http://www.artisticademerza.es/

Ningún comentario:

Publicar un comentario