mércores, 15 de maio de 2013

Novas: Concerto homenaxe Rosalía de Castro. 15 de maio, San Domingos de Bonaval (Santiago), 19.30 horas


Desde o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, co motivo da celebración das Letras Galegas e do 150 aniversario da publicación de “Cantares Galegos” de Rosalía de Castro, celebrarase o día 15 de maio ás 19:30 h. na Igrexa de S. Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. No concerto interpretarase repertorio de nova creación de alumnos do conservatorio, ademais do Miserere de Mariano Tafall, Rosa de Abril de Andrés Gaos e o Himno Galego de Pascual Veiga. Para continuar o espírito galeguista e divulgador da obra de Rosalía, o Conservatorio edita un caderno conmemorativo no que se publica o Miserere de Tafall e, ademais, cinco pezas musicalizadas por alumnos do sobre textos da poetisa para a súa interpretación neste concerto homenaxe.   


PROGRAMA
 

·      Ofrenda Floral a Rosalía,  por alumnos do Conservatorio e do IES Rosalía de Castro.

·      Concerto: 
Cantar-te-ei, Galiza, de Sandra Galera Martínez. 3º de Grao Profesional de piano, obra para canto  e piano composta sobre o poema do libro 4 dos Cantares Gallegos.


Nasci quando as plantas nascem, de Laura Cuñarro García. 5º de Grao Profesional de piano, obra para canto e piano composta sobre o segundo poema do libro 2 dos Cantares Gallegos.

Fum um domingo, de Lucas M. Suárez de Centi. Obra para canto e conxunto de jazz composta sobre o poema do libro 6 dos Cantares Gallegos.
-

Sem ninho, de Alexis Rozas Losada. 6º de Grao Profesional de guitarra, obra para canto e orquestra de guitarras composta sobre o poema n.º 69 do libro 3 de Follas Novas.
-

 Bons amores, de Roberto Bolaño Amigo. 5º de Grao Profesional de trompeta, obra para canto e quinteto de metal composta sobre o poema n.º 30 do libro 2 de Follas Novas.
-

Miserere, de Mariano Tafall (+1874). Obra para conxunto instrumental e coro.

Rosa de Abril, de André Gaos Berea (1874-1959). Obra para coro.


Himno Galego, de Pascual Veiga (1842-1906). Para coro e orquestra.

O Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela homenaxea a figura de Rosalía de Castro cun concerto especial na Igrexa de San Domingos de Bonaval, onde descansa a poetisa galega. Este ano celébrase o 150 aniversario da publicación de  “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro, o día 17 de maio de 1863, aniversario de Manuel Murguía no que a súa compañeira ofrecíalle este poemario como sinal de amor mutuo e compromiso por Galicia. O Conservatorio Profesional de música de Santiago de Compostela celebra este acontecemento cun concerto especial, co que tamén se pretende recuperar a memoria histórica e musical do traslado dos restos da poetisa desde os campos de Iria, como ben di Máximo Leis Pouse (A patria galega, 1891). Cando a poetisa foi levada desde o cemiterio de Adina a Bonaval, desde a estación ferroviaria de Cornes, en Compostela, organizouse unha comitiva fúnebre integrada por numerosas persoas e entidades da cidade, para acompañala á que sería a súa última morada. Ao paso desta comitiva todo o comercio pecha en sinal de duelo e nas rúas cheas a xente mantén un silencio reverencial só rasgado polas bágoas ao paso da música. Ante o edificio da Universidade Central, agora Facultade de Xeografía e Historia, e fronte á casa onde viviron algúns anos o matrimonio Murguía-Castro, os alumnos preparan a súa homenaxe coa lectura dun sentido poema e a interpretación polo Orfeón Valverde do Miserere composto por Mariano Tafall en 1873, que fora estreado no enterro do propio autor en 1874. Este traballo está composto especialmente para a súa interpretación nunha comitiva funeraria, a súa instrumentación constituída por instrumentos de vento que acompañan ás voces permite ir cantando a obra a medida que se camiña. Esta partitura vai ser interpretada polo coro e un conxunto orquesgtral do Conservatorio para celebrar este acontecemento.

Texto informativo de Miguel A. López Fariña (director do Conservatorio Profesional de Música de Santiago)

Ningún comentario:

Publicar un comentario